Noia será sede das finais das ligas galegas de fútbol sala

NOIA> A cita, organizada pola Federación Galega de Fútbol, en colaboración co Noia Fútbol Sala, celebrarase os días 3 e 4 de xullo. Reunirá na vila a uns trescentos xogadores chegados dende diferentes clubs de toda Galicia.

Esta mañá presentábase no Concello a fase final dos Campionatos Galegos de Fútbol Sala para tódalas categorías da base. A cita terá lugar no pavillón municipal Agustín Mourís os días 3 e 4 de xullo. Está organizada pola Federación Galega de Fútbol, en colaboración co Noia Fútbol Sala.

Dende o Concello noiés destacaron a importancia de poder acoller estes Campionatos, nos que se darán cita uns 300 xogadores procedentes de diferentes clubs de toda Galicia.

Dende o Concello aproveitaron tamén este acto para destacar os éxitos acadados ó longo da presente tempada polo Noia Fútbol Sala en tódalas súas categorías, en especial do primeiro equipo que acadou o Campionato de Segunda Nacional, aínda que finalmente non se puido consumar o ascenso á categoría de élite do fútbol sala nacional.