En Marea cualifica de “barbaridade” o estado no que se atopa o Centro de Saúde de Cambados

    As deputadas de En Marea, Eva Solla e Paula Quinteiro comprobaron esta mañá, acompañados por concelleiros de Somos Cambados, o estado no que se atopa o centro de saúde do municipio. Problemas de salubridade e de illamento son só algunhas das deficiencias polas que pedirán explicacións á Xunta no Parlamento Galego . Aseos que non se poden usar, ventás que non se poden abrir, fallos de illamento ou unha zona de urxencias con mosquitos, pola fosa séptica que hai debaixo. Son só algunhas das sorpresas coas que se atoparon esta mañá as deputadas de En Marea, Eva Solla e Paula Quinteiro, durante a súa visita ó centro de saúde de Cambados, acompañadas polos concelleiros de Somos Cambados. NO mes de outubro o concello presentou unha moción instando á Consellería a que fixera as reformas que precisa o centro, da que non obtiveron resposta. E o que pediron posteriormente, é que sexa o Sergas o que asuma o mantemento deste centro de saúde, como acontece con outros. Esta mañá durante a visita ó centro de saúde, as deputadas de En Marea asistiron asombradas á situación na que se atopa o espazo, guiadas por traballadores do PAC. Solla cualificou de barbaridade, a situación na que se atopa o centro, e comprométese e pedir explicacións no Parlamento galego. Para a deputada de En Marea, Eva Solla, tamén vicepresidenta segunda do Parlamento Galego, esta é unha situación que non se dá só en Cambados, senón que responde á tónica xeral da Consellería de Sanidade, ó cambiar o modelo, centrado na atención hospitalaria e que abandona os centros de saúde.