Tapóns solidarios que axudan a financiar tratamentos

PONTEVEDRA> Tapóns para tratar enfermidades. Esta é a fórmula que xa leva tempo poñendo en marcha a rede construída ao redor da Taponeta e a Fundación Amigos de Galicia. Venden o plástico que recadan, e destinan os cartos a axudar ao pago de custosos tratamentos de nenos con problemas. Hoxe fixeron unha gran recollida no colexio pontevedrés de As Doroteas. Recoller tapóns solidarios para apoiar o tratamento de nenos con enfermidades. Este é o traballo que fai a Taponeta, un coche solidario que transforma o plástico en cartos. Como ven, é un proceso sinxelo, pero que require do traballo de toda unha rede solidaria: xente de a pé que se moviliza para poñer o seu gran de area. Un día, Enrique Magdalena decidiu transformar un vello Mercedes Benz na Taponeta. Pero non é o único. Por toda Galicia hai moitas Taponetas anónimas que percorren a xeografía para recoller este prezado material. Eles encárganse do transporte, mentres que a Fundación Amigos de Galicia asume a parte final da cadea: a de levar os tapóns á planta de reciclaxe. Alí, reciben 220 euros por cada tonelada. Pero para conseguilo, é fundamental a colaboración da xente. Hoxe foron os pequenos do colexio pontevedrés de As Doroteas os que amosaron a súa solidariedade, e explicaron o sinxelo que é participar desta cadea. Por iso gardar os tapóns é un xesto sinxelo que pode axudar a mellorar moitas vidas.