A COPTOPT modificará o proxecto das obras da PO-504

    plataformavecialvilalonga_100.jpgSANXENXO > Os membros da plataforma pola seguridade vial na estrada PO-504 veñen de reunirse ca delegada de Política Territorial, Isabel Domínguez.

    No transcurso desta xuntanza, a representante da COPTOPT anunciou a estes veciños de Sanxenxo que o goberno autonómico comezaría estes días a traballar na modificación do proxecto orixinal de seguridade vial, elaborado pola mesma consellería.

    Ó mesmo tempo, Domínguez anuncioulles que o goberno autonómico non estaba dacordo co proxecto enviado polo Concello a última hora; ó entender que non era viable.

    Esta proposta municipal contempla a construcción dunha rotonda na zona da Vichona, unha actuación que o goberno autonómico entende como moi cara, posto que lles obrigaría a negociar cadansúa expropiación cos propietarios de dous locais de hostalería. Os veciños tampouco están dacordo ca execución desta rotonda tan ampla polo que propoñen que se constrúa unha mais pequena e funcional. Tamén se opoñen a construcción doutra rotonda neste punto do lugar de Gandar de Abaixo; posto que aseguran que non é necesaria nesta situación e ademais vai a afectar as súas propiedades e ás prazas de aparcadoiro.

    Outro dos escollos a superar entre as partes é a amplitude das beirarrúas. Este medio cento de afectados demandan que o ancho das mesmas non pase moito dos 2 metros en todo o treito de máis de 3 kilómetros nos que se van a acometer estas melloras. Piden tamén que a aliñación da estrada quede fixada a 20 metros das súas fincas. En cambio si que están a favor da realización dunha rotonda en Reiniño, para atender ó futuro crecemento deste núcleo.

     Logo desta última reunión, os veciños van a intentar dialogar cos representantes do Concello e da Xunta para intentar acercar posturas. Hoxe mesmo solicitaron unha cita ca alcaldesa de Sanxenxo. Noutra orde de cousas, dende esta plataforma avisan que as misivas anónimas que se ciscaron hoxe por Vilalonga non proceden desta plataforma e que non coñecen a súa procedencia.

    Redacción Salnés.