A Pobra mellorará a rede de centros educativos do municipio

    POBRA> O concello da Pobra chegou a un acordo coa Consellería de Educación para realizar unha serie de melloras nos centros educativos do municipio. Se ben, a administración local realizará un importante esforzo nos centros de primaria, a Xunta comprometeuse a incrementar a partida destinada ó instituto. O executivo pobrense realizará unha aposta forte por mellorar a rede de centros educativos do municipio. Destinará boa parte do remanente de tesourería a arranxar deficiencias nas escolas que tamén contarán cos investimentos da Consellería de Educación. Esta mañá o alcalde reuniuse co xefe territorial, Indalecio Cabana, para abordar cales son as actuacións necesarias e que obra asume cada administración. O rexedor local trasladoulle ó responsable de Educación a necesidade de incrementar a partida orzamentaria para o Instituto de Secundaria, competencia exclusiva da Consellería, que presenta problemas de impermeabilización en varias aulas. Unha vez definidas as actuacións, o executivo reunirase cos responsables dos centros educativos para trasladarlles os proxectos previsto. Xa hai dúas semanas, mantiveron unha xuntanza na que se recolleron as principais demandas por parte da comunidade educativa.