![]()
BOIRO> A densa columna de fume do incendio era visible dende diferentes puntos da comarca da Barbanza e dende o outro lado da ría de Arousa.
O lume, que se orixinaba ó redor das dúas da tarde, por causas polo de agora descoñecidas, afectou á totalidade das dúas naves que a empresa J.J. Chicolino posúe no lugar de Vilariño, a carón da autovía do Barbanza.
{flowplayer}barbanza/incendiochicolino.flv{/flowplayer}
Precisamente a magnitude do incendio provocou o peche ó tráfico en ámbolos dous sentidos da vía de alta capacidade, derivando a circulación pola vella estrada AC-305, o que provocou importantes retencións.
Amplo dispositivo de emerxencia
Nada máis ter coñecemento do suceso o 112 despregou un importante operativo de emerxencia. Os primeiros en chegar foron os bombeiros dos parques de Boiro e Ribeira, que comezaron inmediatamente os labores de extinción.
Posteriormente foron chegando tamén unidades de bombeiros doutros parques como é o caso de Noia, Padrón Santiago, ou mesmo o Salnés e Brión. Tamén interviron os Grupos de Intervención Rápida dos concellos de Ribeira, Boiro e Pobra do Caramiñal, varias cuadrillas de extinción de incendios da zona e tres helicópteros, dous da Consellería de Medio Rural e un do 112.
Feridos leves
Nos primeiros momentos o lume acadou grandes dimensións, e a densa columna de fume existente era visible dende diferentes puntos da comarca e mesmo dende o outro lado da ría de Arousa.
Dende un primeiro momento o traballo dos bombeiros viuse dificultada polas elevadas temperaturas que se acadaban na zona, na que se almacenaba material altamente inflamable como madeira, redes, pinturas e disolventes.
Nos labores de extinción resultaron feridos leves un total de sete bombeiros. No momento no que se iniciou o suceso quedaban xa poucos empregados no interior da nave que foron evacuados rápidamente, así como tamén varias vivendas próximas ante o temor de que o lume puidera propagarse, establecéndose un perímetro de seguridade.
Ata o lugar achegáronse numerosos curiosos, así como tamén traballadores da propia fábrica, que visiblemente afectados observaban dende lonxe como a nave era pasto das lapas.
Redacción Barbanza








