A nova lonxa de Ribeira estará operativa no prazo máximo dun mes

    RIBEIRA> A lonxa de Ribeira comezará a funcionar no prazo dun mes. O director de Portos asistiu á reunión do Consello Local de Pesca para explicar os traballos que se están a ultimar ante a inminente apertura. Segundo explicou o director de Portos de Galicia na reunión extraordinaria do Consello local de Pesca estase a traballar nos últimos detalles para proceder á apertura da lonxa. Traballos de informatización e dotación de auga salgada que se complementarán coa limpeza integral das instalacións que se levará a cabo a finais de mes, xusto antes da apertura das instalacións. Pola súa banda, o representante da empresa concesionaria, Fernando Carreira, explicou que se incrementa a oferta de servizos posto que se cubrirá todo o proceso dende a entrada do barco no porto incluíndo subministro de xeo ou limpeza de caixas, entre outros. Por esta razón, aplicarase unha taxa dun tres por cento garantindo que o prezo sufragado polos armadores sexa igual ou menor do que pagan na actualidade. Informouse tamén do acordo acadado coa confraría de Ribeira para incorporarse á xestión da nova rula a través desta UTE e tendeuse a man a tódolos axentes e operadores do porto para un mellor desenvolvemento das novas instalacións. Ó tratarse dunha autorización temporal por tres anos, hai servizos como a limpeza e a seguridade que serán prestados directamente por Portos de Galicia ata que se saque a concurso a concesión definitiva.