RIANXO> O alcalde , Adolfo Muíños, insiste en reclamarlle ó Sergas a reapertura do centro de saúde de Taragoña, pechada dende a pandemia.
Muíños reclama tamén a creación dun PAC de tarde, con horario de 3 a 10, para así poder atender ás urxencias médicas que se están a dar no municipio.
A creación do PAC permitiría mitigar, segundo el, en certa medida, a sobrecarga de traballo e a presión asistencial que padece o persoal médico deste ambulatorio.
Estas dúas demandas coinciden tamén coas recollidas pola Mesa pola Sanidade Pública de Rianxo, recentemente constituída, das que xa lle deron traslado á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago.
Precisamente esta mañá debatíase no Parlamento unha pregunta oral presentada pola deputada socialista Noa Díaz referida á necesidade de incrementar o persoal de Atención Primaria en Rianxo e adiantar o horario do PAC ata as 3, debido ás eivas e a saturación que presenta o servizo.
A socialista criticou a falla de vontade por parte da Xunta en solucionar este problema, que mesmo provocou que a propia veciñanza levara a cabo unha recollida de sinaturas debido á baixa calidade asistencial e a enorme carga de traballo que ten que soportar o persoal que traballa neste ambulatorio.