A Deputación reparte 40 millóns de euros entre sesenta concellos

PONTEVEDRA> Os concellos da provincia de Pontevedra xa saben cantos cartos recibirán da Deputación no 2016. Presidenta e vicepresidente presentaron esta mañá o Plan concellos 2016, que recolle as contías e as liñas que marcaron o reparto dos fondos entre os 60 municipios de menos de 50 mil habitantes. O Plan distribúe entre os gobernos locais 40 millóns de euros, un 30% máis, aseguran, que no ano anterior. Eliminan, ademais, os fondos de libre disposición.

 

Orgullosos e satisfeitos a presidenta da Deputación e o vicepresidente presentaron o Plan concellos 2016, o documento que marca e recolle o reparto de fondos provinciais entre os 60 municipios pontevedreses con menos de 50 mil habitantes.

Dezaseis millóns de euros repartiranse de xeito lineal, deixando fóra a Pontevedra e Vigo. Así, as arcas municipais recibirán case 266.700 euros. Outros 24 millóns dividiranse por número de habitantes: 7,2 millóns para os concellos de menos de 10 mil, 9,6 millóns para os de entre 10 e 20 mil e para os municipios de entre 20 mil e 50 mil, 7,2 millóns de euros. Á súa vez, estas cantidades distribuiranse en función da poboación, a superficie e a dispersión poboacional dos concellos. En total, 40 millóns de euros para este plan.

No 2015 dedicáronse 24 millóns aos concellos, aos que hai que sumar os 6 millóns de libre disposición do presidente. Un 30% menos que este ano, segundo apunta o novo goberno.

Os concellos terán autonomía absoluta para decidir a que destinan estes fondos, atendendo as catro liñas de axudas do plan: investimentos, amortización de créditos, pagamento de débedas a acredores e pagos de gastos correntes, actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais ou a creación de emprego destinado aos servizos municipais.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/13/plan_concellos_deputacion.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/13/plan_concellos_deputacion.mp4{/flowplayer}