O contrato do SAF crea controversia entre a oposición e o Goberno Local

Pontevedra> Esta mañá tivo lugar no concello de Pontevedra a Comisión de Economía e Facenda para analizar todo o sucedido co Servizo de Axuda no Fogar. Dende a oposición cren que houbo demasiada improvisación con este contrato e dende o Goberno Local cren que non hai nada que rascar, o servizo está garantido para os usuarios e as traballadoras. Esta mañá tivo lugar a Comisión de Economía e Facenda, convocada polo presidente da mesa, polo popular Rafael Domínguez. O fin desta reunión era que os técnicos do concello explicasen o que aconteceu realmente co contrato de Servizo de Axuda no Fogar. Para os populares esta mañá quedou claro que o realizado polo Goberno Local é irregular. Dende as filas do PSOE non entenden como se puido chegar a unha situación así, demandan o cese ou dimisión do político ou políticos que permitiron que este contrato de Axuda ao Fogar chegase ata ese punto. Agustín Fernández falou da incapacidade absoluta de xestión do Goberno e da nula sensibilidade. Dende a Marea de Pontevedra cren que este feito deixa en evidencia que o Goberno actual non é capaz de levar a xestión dunha maneira axeitada, e que para facelo, debería pactar con outros grupos… Dende o Goberno Local, pola súa banda, din que non hai nada que rascar en relación a este asunto, que os 160 usuarios teñen garantido o servizo e que as 90 traballadoras tamén teñen garantido o seu posto de traballo. Raimundo González dixo esta mañá que coa contratación deste servizo se garante a seu desenvolvemento con total normalidade, que conseguiron a prórroga das traballadoras e que quen presta este servizo son empresas locais de Pontevedra.