O alcalde denuncia a ‘grave discriminación’ da Deputación cara Pontevedra e defende o seu ‘estatus como capital’

PONTEVEDRA> O alcalde de Pontevedra esixe á Deputación que manteña a relación de respecto que, asegura Miguel Anxo Fernández Lores, sempre existiu entre as dúas administracións. Para o rexedor capitalino, o feito de que ata dez concellos da provincia recibiran no 2024 máis transferencias directas da Deputación que Pontevedra, é un ataque ao estatus da cidade. Nunha carta enviada ao presidente, Fernández Lores demanda a Luis López que remate con este trato que considera discriminatorio.

O alcalde de Pontevedra insiste: a Deputación discrimina á cidade no seu reparto de fondos.

Segundo a liquidación do orzamento provincial do ano 2024, ata dez concellos recibiron máis cartos que Pontevedra en transferencias directas. Ata a capital chegaron 2,5 millóns de euros.

Vigo encabeza a lista con 7,6 millóns de euros. Por enriba dos 3 millóns están Lalín e Vilagarcía. Tamén recibiron máis que Pontevedra, A Estrada, Tomiño, Sanxenxo, O Porriño, Moaña, Marín e Ponteareas.

Non é a primeira vez que Fernández Lores traslada o seu descontento ao goberno provincial nesta materia. Hoxe deu un paso máis, enviando unha carta ao presidente coas súas demandas. Ademais, tendeu a man á Deputación para negociar un equilibrio.

A resposta da Deputación

Pola súa banda, dende o goberno da Deputación cifran en 30 millóns de euros o investimento en Pontevedra nos dous primeiros anos de mandato. Contan iso si cartos destinados ao Museo, á recuperación da Bienal, ou á mellora da estrada de Tomeza e Figueirido, de titularidade provincial.

Para o vicepresidente Rafa Domínguez, estas protestas do alcalde pontevedrés son froito do nerviosismo e acúsao de estar xa en campaña electoral, con pánico pola boa xestión do PP na Deputación. Segundo Domínguez, o investimento provincial en Pontevedra é enorme e asegura estar satisfeito co traballo realizado.