A Garda Civil reúne 2.000 litros de leite para o Banco de Alimentos

PONTEVEDRA> “Ningún neno sen bigote”. Esta é a determinación da Garda Civil de Pontevedra. A comandancia presentou esta mañá os máis de 2.000 litros de leite que conseguiron xuntar na campaña que puxeron en marcha, para garantir que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan alimento tamén durante o verán. Na Comandancia de Pontevedra, a Garda Civil presumía hoxe dos resultados da súa campaña “Ningún neno sen bigote”. Con 2.000 litros de leite conseguidos, axudarán a que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan unha alimentación equilibrada tamén no verán, cando pechan os comedores escolares. A Benemérita decidiu sumarse á campaña organizada a nivel nacional pola Fundación La Caixa. Sumando unha tarefa máis, e moito máis gratificante, aos seus labores. Comercios, supermercados, particulares e incluso protectoras de animais colaboraron nesta campaña. Tamén os centros escolares. Non en van, os axentes aproveitaron en moitas ocasións as charlas que imparten aos nenos nos colexios para dar a coñecer a iniciativa. O leite foi entregado ao Banco de Alimentos, que se encargará agora de repartilo entre as familias máis necesitadas. Unha axuda que agradeceron ao Instituto Armado. Esta achega axudará á organización a manter o seu stock deste alimento, tamén no verán.