O piragüista Óscar Graña coa vista no Mundial tras obter o seu 4º título europeo

Pontevedra> Tras acadar o seu cuarto título europeo de piragüismo maratón, o pontevedrés Óscar Graña xa pensa no título mundial que podería acadar en setembro en Portugal. Así o explicou esta mañá nunha visita ó Concello, onde os representantes da corporación municipal o felicitaron polo último éxito acadado no Campionato de Europa celebrado en Croacia.

O piragüista Oscar Graña volveu da cidade croata de Metkovic cun ouro na modalidade C-2 de piragüismo maratón, que logrou xunto co vilagarcián Diego Romero.

Sumaba así a súa vixésimo segunda medalla internacional e o seu cuarto título continental. Despois deste novo éxito xa ten marcado o seu próximo obxectivo, que pasa por loitar polo título mundial en Prado Vila Verde, Portugal, do 6 ó 9 de setembro.

O deportista louvou o nivel do piragüismo galego, sobre todo na modalidade de canoa e na longa distancia, e aínda que asegura que leva seis anos plantexándose a retirada, non pensará niso ata rematar o compromiso do Campionato do Mundo.