O concello de Pontevedra paraliza a actividade na nave de La Cross por falta de medidas de seguridade

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra ordena a paralización da actividade na nave de La Cross, na parroquia de Alba. Aínda que nunha primeira inspección ocular o pasado venres constatouse que nestas instalacións si hai medidas de prevención de incendios, o informe técnico conclúe que non son suficientes para a actividade que se realiza. Recordemos que a nave está a ser empregada dende hai anos polo Grupo Nogar. Ao igual que ocorría na antiga Pontesa, a empresa emprégaa para a acumulación de gran e cereal.

O Grupo Nogar terá que paralizar a súa actividade na nave de La Cross, na parroquia pontevedresa de Alba. Trátase dunha medida cautelar e provisional ordenada polo concello.

Na inspección ocular realizada o pasado venres, os técnicos detectaran que na nave de La Cross si hai medidas de prevención de incendios, ao contrario do que sucedía na antiga Pontesa. Así as cousas, serían insuficientes en relación coa actividade que acolle a instalación.

Segundo explicou Vilaverde, a licenza das instalacións de Alba data do ano 1951, cando era unha fábrica de abono e produtos químicos. Na inspección tamén detectaron acumulación de madeira no exterior de La Cross, actividade para a que, aseguran, tampouco teñen licenza.

A empresa conta agora cun prazo de 24 horas para paralizar a actividade. A medida xa se comunicou á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e á Consellería de Economía, Emprego e Industria para que adopten as medidas precisas.

Esta decisión tómase na mesma xornada na que deron comezo os traballos de retirada do material acumulado na antiga nave da Pontesa, que continuaba en combustión permanente.

Segundo informan dende Galigrain, pertencente ao Grupo Nogar, xa contrataron unha empresa homologada e autorizada para o tratamento e xestión destas 42.0000 toneladas de gran. Os traballos faranse en coordinación cos bombeiros de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí