Desarticulan unha banda de delincuentes xuvenís en Cambados

    SALNÉS> Desartellada unha banda de delincuentes xuvenís na comarca de O Salnés. A Garda Civil detivo a trece mozos de entre 16 e 22 anos, acusados de cometer preto dun centenar de delitos contra o patrimonio, principalmente roubos e furtos en vehículos, vivendas e establecementos da zona. Tras nove meses de investigacións levadas a cabo pola Garda Civil do Posto Principal de Cambados, dáse por finalizada a bautizada operación Teide, que arrincou en setembro de 2016. A alarma saltara tras detectarse un incremento dos delitos deste tipo tanto na vila cambadesa como nos concellos dos arredores. De feito, no operativo colaboraron tamén os Postos de Sanxenxo e Vilagarcía e as Policías Locais de Cambados, Vilanova, A Illa, Meaño e Sanxenxo. Os detidos percorrían as rúas dos municipios comprobando os dispositivos de peche de todos os vehículos, ata localizar os que tiñan as portas sen pechar. De aí substraían cartos en efectivo ou calquera obxecto de valor. Tamén roubaban a repartidores do pan ou en autobuses. Incluso no mes de xaneiro substraeron unha furgoneta en Meaño e, ademais de apropiarse da mercadoría, queimaron o vehículo no polígono de Nantes. Ademais se recuperaron cinco ciclomotores e sete bicicletas. As investigacións apuntan a que a banda aproveitaba as fins de semana para roubar bolsos e teléfonos móbiles no establecementos nocturnos de ocio. Entre os feitos máis graves destacan catro roubos e furtos en casas e pisos habitados das localidades de Meis e Meaño. Tamén se lles investiga pola súa presunta participación en dezaséis delitos de danos. A operación saldouse con trece mozos detidos de entre 16 e 22 anos. Tras prestar declaración na Garda Civil de Cambados, os maiores de idade foron postos en liberdade, pendentes de ser citados polos xulgados da vila. No caso do menor de 16 anos, xa foi ingresado nun centro especial e depende agora da Fiscalía de Menores.