Finalizan os traballos de rehabilitación da Escola Unitaria de Castrelo

    CAMBADOS > O proxecto de acondicionamento da Escola Unitaria de Castrelo é xa unha realidade. A tenente de alcalde de Cambados, Rosa Oubiña, fixo un percorrido polas instalacións da que antigamente fora unha escola que estaba en desuso. A recuperación enmárcase dentro dun plan do concello de recuperación de distintos edificios a través da escola taller.

    Uns cen metros cadrados é o espazo que, grazas ó labor levado a cabo dende a Escola Taller de Cambados, poden usar dende xa os veciños de Castrelo. As obras de remodelación consistiron na adecuación, na zona de Couto de Abaixo, deste antigo colexio en desuso pintando, dividindo espazos e axeitando exteriores que serán empregados por distintos colectivos con diversas finalidades. Entre os colectivos que fan xa uso está Cáritas Interparroquial ou a Asociación de Mulleres Rurais pero, un das maiores apostas do municipio é por potenciar o seu uso en relación coa música.

    A actuación, que tamén se está a levar a cabo de xeito moi semellante noutras escolas doutras parroquias cambadesas como Corvillón, enmárcase dentro dos procesos de rehabilitación realizados polas escolas taller. Arestora o concello ten pendente de aprobación por parte da Xunta un novo proxecto que consistiría na recuperación das fontes e lavadoiros tradicionais tamén a través da escola Taller.

    Redacción Salnés