O auditorio de Rianxo acolle a exposición ‘Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia’

    RIANXO> A mostra, con fondos procedentes da Hispanic Society of America, é posible grazas ó convenio a tres asinado entre Afundación, Abanca e o propio concello de Rianxo. Tódalas fotografías que integran esta exposición que dende hoxe acolle o auditorio rianxeiro foron realizadas pola fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson durante unha viaxe de investigación entre os anos 1924 e 1926, por encargo do fundador da prestixiosa Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A exposición é hoxe un tesouro valioso que reflicte fielmente a Galicia da época, da súa xente, das nosas costumes e dos nosos oficios. A mostra permanecerá aberta ó público ata o próximo 20 de xullo.