A ANPA de Frións esixe ó concello a reparación urxente da calefacción

    colexiofrions_100_300107.jpgRIBEIRA > Os alumnos do CEIP de Frións non asistiron á clase en sinal de protesta pola falla de calefacción.

    Unha avaría na caldeira co Colexio Público de Frións provocou estes días unha situación insólita no centro: aulas case baldeiras para esixir a toma de medidas urxentes. Esta protesta, convocada pola ANPA, foi secundada pola maior parte dos pais de alumnos e, naxornada do luns, soamente oito dos 180 escolares que estudian no centro acudiron a clase.

    A maior parte dos pais decidiron secunda-la protesta tras dúas semanas nas que os rapaces tiveron que acudir ó centro sen calefacción. A chegada da vaga de frío acrecentou o problema, polo que os pais decidiron que os nenos non asistiran ás clases durante todo un día para esixir ó concello unha pronta solución.

    Parece que esta medida de presión obtivo resultados posto que xa chegaron ó centro os novos depósitos de gasoil para substituír o actual que, debido ó seu estado de deterioro, impedía o funcionamento da caldeira.

    Os representantes da ANPA amosáronse relativamente contentos ante o inicio dos traballos aínda que non estarán totalmente satisfeitos ata que comece a funcionar con normalidade o sistema de calefacción. De momento, estableceron de prazo ata finais de semana para que conclúa a instalación dos novos depósitos e o sistema estea operativo. No caso de que non sexa así e a obra se vexa paralizada teñen previsto retomar as protestas.

    Redacción Barbanza