O programa Lidera pretende mellorar a empregabilidade e fomentar o emprendemento xuvenil

    NOIA> A proposta, que se enmarca no programa de cooperación interterritorial Galicia-Norte de Portugal, foi presentada esta mañá en Noia pola directora xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe en Noia na presentación do proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta de Galicia e no que participan ademais outras entidades galegas e portuguesas. O obxectivo desta iniciativa non é outro que poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside, tanto en Galicia coma no norte de Portugal. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado actúa como actor principal desta proposta na que ten como socios galegos a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio de Santiago e a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia, Ascega. Na parte portuguesa, as institucións que participan son o Instituto Portugués do Deporte e da Xuventude, a Federación Nacional de Asociacións Xuvenís e a Comunidade Intermunicipal do Ave. O proxecto ten de prazo de execución ata o ano 2019 e levarase a cabo en tres fases principais denominadas Crece, Cataliza e Emprende. Entre outras sedes, na zona, ademais da de Noia, a Dirección Xeral de Xuventude porá a disposición do programa tamén o espazo xoven de Vilagarcía.