Porto do Son volve apostar polas tapas co mar como protagonista

    PORTO DO SON> A Concellaría de Promoción Económica de Porto do Son organiza a primeira edición das Xornadas da Tapa Mariñeira que se desenvolverá os vindeiros días 7 e 8 de xuño. Os protagonistas deste certame, que toma o relevo a outras iniciativas similares desenvolvidas no municipio, serán o peixe e o marisco. E é que esta actividade enmárcase nas Xornadas Gastronómicas que o concello está a levar ao longo de todo o ano 2014, despois do II Concurso de Filloas e Orellas e do II Concurso de Tapas ‘Son para comelo’. Esta actividade realízase coa intención de axudar á promoción económica do Concello e dar a coñecer a variedade e riqueza dos nosos produtos do mar. As tapas serviranse en horario de doce e media a tres e de sete a dez e media, e serán de balde. Os locais participantes son a marisquería Jape, o restaurante Sorpresa, o restaurante O Risón, Café-Bar Eugenio, A Cantina da Lúa, Café Praza, Café-Bar Axexo e Gastrobar Cabeiro.