A Deputación da Coruña entrega os premios dos seus certames culturais

BARBANZA> Un ano máis o Teatro Colón acollía a última hora da tarde de onte a Gala da Cultura da Deputación da Coruña.

O evento, no que se contou cunha ampla representación da corporación provincial, estivo presidido pola titular de Cultura desta institución, Natividade González, así coma o propio presidente, Valentín González Formoso.

Na gala fíxose entrega dos galardóns ás persoas e asociacións gañadoras dos premios convocados polo departamento de Cultura do organismo provincial durante o pasado ano 2024.

Entre os premiados figuraban Loli Rodríguez e Jose Antonio Bonet, gañadores do Torrente Ballester de narrativa, tanto en lingua galega coma castelá.

Sandra López e Laura Suárez no Castelao de banda deseñada.

Érica Esmorís e Rosa Aneiros no Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil ou Gonzalo Hermo no González Garcés de poesía.

Tamén se entregou o premio Antonio Fraguas de artesanía, que foi a parar a Borja Canedo, na modalidade tradicional e Ezequiel Franchi na contemporánea.

O grupo Carabela recolleu tamén o Premio Fran Pérez ‘Narf’ de música, e María Encarnación Otero e a Asociación Andar cos tempos fixéronse co  Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.

Outros dos premios entregados foron o Jesús Núñez de arte gráfica e o Luís Ksado de fotografía, que foron a parar a Jose Andrés Santiago e Vicente Fraga, respectivamente.

Na gala deste ano tivo tamén un protagonismo especial o encaixe de Camariñas, como símbolo da reinterpretación da tradición popular.