Oposición ó peche do CEIP Emilio de Navasqüés de Outes

OUTES> A comunidade educativa anuncia que non parará ata conseguir a anulación da medida por parte de Educación. Con berros coma este….a comunidade educativa do CEIP Emilio de Navasqüés de Outes oponse á decisión da consellería de Educación de pechar o centro para o vindeiro curso escolar. Unha decisión que ninguén agardaba e que mesmo os colleu por sorpresa, na véspera do inicio das vacacións. Visiblemente emocionada a directora do colexio, Mercedes Cereijo, relatáballe ó resto de profesores, pais, familiares e veciños en xeral, que esta mañá acudiron en masa ó colexio atendendo a chamada realizada pola ANPA, como foi o anuncio desa drástica decisión da Xefatura Territorial, abrindo as portas á fusión co outro colexio do Concello, o CEIP da Serra de Outes. Dende a ANPA non entenden as razóns que levan a Consellería a tomar esta decisión sen previo aviso, máxime cando hai prevista unha matricula duns 72 nenos para o curso que vén. Tampouco entenden que dende o Concello se mire para outro lado e non se respalden as súas reivindicacións. A súa idea é seguir mobilizándose ata conseguir que se anule esta medida que consideran inxusta. Ademais dos escritos remitidos á Consellería demandando un cambio de postura na súa decisión, unha das primeiras accións a realizar foi a recollida de sinaturas de xeito presencial e tamén a través da plataforma change.org.