Cabo de Cruz repartirá este domingo cinco mil quilos de mexillón

    BOIRO> A parroquia boirense de Cabo de Cruz ultima xa os detalles da celebración da festa de exaltación do Mexillón, que terá lugar esta fin de semana no peirao. A cita coincidirá tamén coa disputa da vixésimo quinta edición da Bandeira de Traíñas Concello de Boiro, proba incluída no calendario da Liga ACT-San Miguel. A Festa de Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz chega este ano á súa décimo cuarta edición. Organizada pola totalidade das asociacións de bateeiros existentes na localidade, así como tamén polo propio concello boirense, a festa terá lugar esta vindeira fin de semana, os días 8 e 9 de agosto na explanada portuaria. Co paso dos anos estase a converter nunha das citas gastronómicas de maior relevancia das que se celebran nesta comarca, á que cada ano asisten a ela miles de visitantes, atraídos polo bo sabor do mexillón. Aínda que a festa iniciase xa o sábado coa degustación dunha paella e unha actuación musical, o día grande será o domingo. Sendo un dos principais atractivos da festa a propia degustación. Dos fogóns volverá a encargarse, coma nas últimas edicións, a empresa In9 Eventos. E varias serán as novidades deste ano, coas que pretenden sorprender a tódolos asistentes. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, destacou a importancia desta cita gastronómica que ten coma base un produto rei deste concello como é o mexillón, do que vive gran parte da poboación. En total repartiranse máis de cinco mil quilos de produto ese día. A cita coincidirá ademais cun evento deportivo de gran relevancia como é a disputa da XXV Bandeira Concello de Boiro, proba puntuable da liga ACT-San Miguel. Ó acto está previsto tamén que acudan diversas autoridades, entre elas a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí