PONTEVEDRA> O parricida de Moraña recoñeceu esta mañá que matou as súas dúas fillas cunha radial. David Oubel declarou durante a primeira sesión do xuízo que xulga o asasinato das dúas pequenas, producido en Moraña o 31 de xullo de 2015. Na súa intervención, aceptou tamén as valoracións forenses que aseguran que era consciente dos seus actos. A Fiscalía e a acusación particular, piden para el a pena máxima: prisión permanente revisable. A un mes de cumprirse dous anos da morte das dúas pequenas, o parricida de Moraña sentou na bancada da Audiencia Provincial de Pontevedra. Durante a primeira sesión, David Oubel declarou por primeira vez dende que se produciran os feitos o 31 de xullo de 2015. Ante o xurado popular, confesou que matara as dúas fillas de 4 e 9 anos usando unha serra radial. Recoñeceu o contido do escrito da Fiscalía, que fala de dous asasinatos premeditados porque drogou as súas fillas para anular a súa capacidade de defensa. Pola contra, Oubel negou o asañamento que lle atribúe a acusación particular. Na súa declaración, Oubel explicou que se arrepentía dos feitos. Asegurou que atravesaba unha situación límite que o levou a tomar unha decisión que, apuntou, agora non ten xeito de solucionar. Fiscalía e acusación particular piden prisión permanente revisable. Tamén, o asasino confeso das dúas pequenas insistiu en que cometera o dobre crime en plenas facultades mentais, en contradición ao que apuntaba a súa defensa. Algo que xa desbotaba a Fiscalía. Ademais de David Oubel, esta mañá declararon once testemuñas. O xuízo reanudarase mañá coas probas periciais.
Inicio CALDAS