Caldas agarda repetir as cifras récord de peregrinos a pesar de non estar xa en ano Xacobeo

CALDAS> Coa chegada da Semana Santa, tamén comeza a tempada alta de peregrinos no Camiño de Santiago. A pesar de que xa rematou o ano xacobeo, a previsión da xunta e de concellos como o de Caldas é a de repetir as cifras récord do ano pasado. Precisamente, nesta vila, xa sinalan que moitos establecementos hoteleiros e albergues están practicamente completos.

O ano pasado, segundo as cifras oficiais, máis de 440 mil persoas realizaron o camiño de Santiago ou algunha das súas variantes. Unhas cifras que poderían aumentar ata nun 30% debido aos camiñantes que non recollen a compostelá. A Semana Santa marca o inicio da tempada de peregrinos no camiño de Santiago.

Dentro das variantes do camiño de Santiago, a que máis crecer é o camiño portugués.

Precisamente, concello polos que pasa esta variante como é o caso de Caldas, agardan repetir as cifras récord do ano pasado, a pesar de non tratarse xa dun ano Xacobeo.

Dende a xunta destacan que investir no camiño é potenciar a economía local e fixar poboación nas vilas polas que transcorre. Concellos que estes días reciben as visitas de centos de peregrinos.

A tempada alta de peregrinos alóngase ata o mes de setembro, aínda que nos últimos anos, as vilas están rexistrando numerosas visitas de peregrinos durante o mes de outubro.