Vinte e catro policías infantís patrullarán polas rúas de Ribeira este verán

    RIBEIRA> Vinte e catro rapaces de entre oito e dezasete anos integran a vixésimo segunda promoción da policía infantil de Ribeira. Esta mañá tomaron posesión das súas credenciais polo que xa é posible velos patrullando polas rúas da vila. Xa está en activo a nova promoción da policía infantil que durante os meses de xullo e agosto patrullará as rúas da vila cunha función informativa. Ademais de proporcionar indicacións sobre o rueiro ou información turística, estarán encargados de dar parte das incidencias que poidan detectar como mobiliario urbano en mal estado ou deficiencias no alumeado público. Os vinte e catro integrantes desta vixésimo segunda promoción recibiron os seus carnets da man do alcalde quen lles agradeceu a súa vocación de servizo público dende tan novos. Contará co apoio de tres monitores cos que xa realizaron a formación específica de policía infantil e un curso de seguridade vial durante os meses previos.