Rastrexan, sen éxito, unha finca na busca de indicios sobre a desaparición de Diana Quer

    RIBEIRA> Á espera de que os datos do teléfono móbil de Diana Quer poidan aportar información sobre o paradoiro da moza, continúan as investigacións sobre o terreo. Nos últimos días, axentes da Policía Nacional inspeccionaron unha finca en Ribeira onde unha testemuña declarou ver a unha persoa enterrando algo nas datas posteriores á desaparición. Sen éxito. Así concluía a busca levada a cabo por axentes da policía nacional nesta finca de Coroso en Ribeira. Este lugar foi sinalado por unha testemuña que declarou ter visto a un home enterrando algo na finca, xusto nas datas nas que desapareceu Diana. No seu momento, non o comunicou á policía porque non estableceu relación entre estes feitos e a desaparición da moza. Sen embargo, agora, ante as recentes informacións que poderían provocar a reapertura do caso, pensou que ambos sucesos poderían estar relacionados. Polo momento, non transcendeu o contido dos datos recuperados do teléfono de Diana, desbloqueado a pasada semana. A Unidade Central Operativa da Garda Civil traballa na análise desta información, especialmente das comunicacións establecidas durante os quince minutos anteriores a que se apagara o teléfono. Algunha mensaxe, chamada e fotografía que poida aportar novos datos sobre o que lle aconteceu a Diana Quer.