NOIA> A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá os convenios de colaboración cos nove concellos que se beneficiarán da nova convocatoria do fondo de cooperación de rehabilitación para proxectos de recuperación do patrimonio construído.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou esta mañá en Noia no acto de sinatura dos convenios correspondentes á última convocatoria do Fondo de cooperación de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Un instrumento de apoio financeiro a concellos de menos de 50 mil habitantes para proxectos de recuperación do patrimonio construído.
Segundo informou a propia Ángeles Vázquez este ano prevense un total once actuacións que se desenvolverán en nove concellos de toda Galicia, cuxo orzamento se verá ampliado o ano que vén ata os 20 millóns de euros.
Dos nove concellos beneficiados con estes fondos, hai dous na nosa área: Noia e Ribeira.
En Noia acometerase a rehabilitación integral do vello estaleiro da Hermida, en Abruñeiras, para convertelo na nova sede do Club de mar, á que se destinarán uns 400 mil euros.
En Ribeira os fondos, neste caso preto dos 900 mil euros, destinaranse á reconstrución e ampliación dun inmoble na rúa de Galicia para transformalo en edificio de usos múltiples e nova biblioteca.
A titular de Medio Ambiente aproveitou tamén a súa presenza en Noia para facer outro anuncio importante. Nesta caso a reserva dunha partida inicial duns tres millóns de euros nos orzamentos de 2022 para convocar por primeira vez un Fondo de Cooperación cos concellos para o financiamento da adquisición e promoción de vivendas de nova construción para destinalas a alugueiro social.