Talía Teatro estrea este venres en Boiro o espectáculo ‘Desexo’

BOIRO> A compañía Talía Teatro estreará mañá en Boiro o espectáculo ‘Desexo’. Trátase dunha comedia que aborda a educación afectivo-sexual cun ton desenfadado. Conta co apoio do AGADIC a través das liñas de axuda para a creación cultural e a súa rede de distribución.

Os boirenses poderán disfrutar mañá do novo espectáculo da compañía Talía Teatro. ‘Desexo’ estrearase pola mañá en dúas funcións escolares e a partir das nove da noite para público en xeral. Protagonizada por Marta Ríos e Dani Trillo, a obra aborda dende unha perspectiva cómica un tema tan serio como a influencia da pornografía na educación sexual.

O espectáculo é froito dunha primeira fase na que a compañía desenvolveu un proceso de investigación co asesoramento da sexóloga Bárbara Penas e un proxecto de foro-teatro en colaboración con seis centros educativos. Dende o concello de Boiro están a traballar tamén para mellorar a educación afectivo sexual dende o seu programa En(Clave).

‘Desexo’ forma parte dun programa plurianual da compañía que conta coa colaboración de AGADIC para a produción de espectáculos e tamén a súa distribución.

Tamén dende o concello de Boiro agradeceron o apoio de AGADIC para poder contar cunha programación cultural estable ó longo de todo o ano.