A delegada de Medio Rural escoita as reivindicacións do sector

    xuntanzabngmediorural_100_030507.jpgRIBEIRA > A delegada provincial de Medio Rural e a candidata nacionalista mantiveron unha xuntanza cos representantes das comunidades de montes.

    Durante máis de tres horas, unha ampla representación dos colectivos de comuneiros e de cazadores do municipio ribeirés, expuxeron as súas principais dúbidas e preocupacións en relación á xestión e usos do monte. Moitas delas, teñen que ver cos estragos que están a causar as carreiras incontroladas nas pistas forestais.

    Así mesmo, solicitaron á delegada provincial de Medio Rural, Olga María García Agra, a realización de xestións ante a Consellería de Medio Ambiente para poder sacar o coello e o xabarín do parque dunar de Corrubedo así como para deseñar mecanismos de control para as épocas en que se fan as rozas no monte de xeito que non interveñan na tempada de cría da caza.

    A delegada provincial comprometeuse a estuda-las reivindicacións do sector e expuxo as iniciativas que se están a promover dende a Xunta de Galicia co fin de incrementar a súa rendibilidade mediante unha explotación razoada e sostible. Entre outros temas, informou dos contidos da nova lei de incendios, a creación das unidades de xestión e a aposta de Medio Rural polas madeiras de calidade.

    Pola súa banda, a candidata nacionalista á alcaldía, Domiga Brión, manifestou a súa intención de impulsar o desenvolvemento rural no caso de que o BNG acceda á alcaldía de Ribeira. Segundo a actual concelleira, o medio rural está a sufrir unha situación de abandono que ten que ser freada polo que é preciso emprender tarefas de concienciación e de desenvolvemento económico. Así mesmo, avoga pola creación de empresas de produtos ecolóxicos e a diversificación nos produtos e procesos do monte, fomentando a participación dos cidadáns na xestión dos seus propios recursos.

    Redacción Barbanza