A Xunta Local de Seguridade constata o aumento dos roubos con forza en Ribeira

    RIBEIRA> A Xunta local de Seguridade de Ribeira reuniuse este mércores a petición da asociación de empresarios do municipio que solicita a toma de medidas ante o incremento de roubos. As estatísticas expostas durante a xuntanza revelan un aumento das infraccións penais nos últimos tres meses. A preocupación existente no seo da patronal ribeirense non é infundada. Na reunión da xunta local de seguridade celebrada no concello analizáronse os datos de 2016 e do primeiro de 2017 nos que se contacta un incremento das infraccións penais. Especialmente preocupantes son as cifras dos tres meses pasados cun aumento de case o doce por cento dos roubos con forza con respecto ó ano anterior. Baixan pola contra os roubos con intimidación ou violencia. Fronte a estes malos datos, a nota positiva a pon a comisaría da Policiía Nacional de Ribeira cun alto índice de esclarecemento dos casos con máis dun cento de detencións. Destaca neste sentido a estreita colaboración entre os corpos da policía local e nacional que traballarán de forma coordinada nos eventos festivos do verán. O máis inmediato, a festa da Dorna no que ademais do reforzo de efectivos da policía local sumaranse axentes de Unidade de Prevención e Reacción da Nacional. Outro dos temas a tratar foi a inminente reparación dalgunhas das videocámaras de vixilancia instaladas en varios espazos públicos, destinadas á regulación do tráfico así como a intención do concello de instalar este tipo de dispositivos nalgúns edificios públicos como a casa consistorial. Por último, o subdelegado do goberno en Galicia,Jorge Atán, informou sobre os principais puntos da Lei de Seguridade Cidadá que confire ós concellos a facultade de sancionar ós autores de infraccións contra bens de titularidade municipal.