BOIRO> O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaba esta mañá o Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira.
A de hoxe era a súa primeira visita ó viveiro de empresas e centro de formación de Espiñeira. Acompañado do alcalde, José Ramón Romero, e o edil de Promoción Económica, Carlos Rodríguez, o delegado da Xunta na provincia da Coruña coñeceu de primeira man as instalacións nas que se desenvolven a maior parte das accións formativas, destacando a forte aposta da Xunta neste tipo de programas que buscan, en definitiva, mellorar a empregabilidade.
Dende o Concello agradeceron o apoio da Xunta que permite poder desenvolver este tipo de accións formativas. Así destacaron o Programa Integrado de Emprego, destinado exclusivamente a mulleres, que xa vai pola súa terceira edición, e que ten un alto índice de inserción laboral.
Ademais deste de Boiro, a comarca do Barbanza conta con outros dous PIE máis, um que se está a desenvolver en Rianxo, compartido cos concellos de Padrón, Rois e Dodro, e outro na asociación Amicos. Entre os tres Plans estanse a formar a 300 desempregados cun investimento de máis de 562 mil euros.