A Fiscalía investigará os efectos da EDAR de Ribeira sobre os residentes

    RIBEIRA> A Fiscalía de Medio Ambiente abriu unha investigación sobre o funcionamento da Depuradora de Ribeira. A abundante documentación remitida polos veciños afectados motivou a apertura de dilixencias informativas. Non se trata só das molestias derivadas dos malos olores procedentes da estación de bombeo dos Areeiros senón que a emisión de gases nocivos para a saúde xa tivo consecuencias coa aparición da afeccións respiratorias ou o agravamento deste tipo de patoloxías entre os residente. Xunto cos informes médicos que así o acreditan os afectados trasladaron á Fiscalía de Medio Ambiente toda a documentación que levan recabada dende que entrou en funcionamento e EDAR. Informes policiais e mesmo un estudo encargado polo concello a unha empresa externa que efectivamente ratificou a emisión de contaminantes por riba dos límites. Tras un ano de loita son poucas as expectativas de conseguir que se traslada a estación a unha zona sen vivendas. Sen embargo, si confían en que as actuacións a acometer poidan mellorar a súa calidade de vida. Esixen ó concello que asuma a súa responsabilidade como administración máis próxima ós veciños e acometa dunha vez por todas as obras comprometidas. Na actualidade, o colectivo de afectados conta cunha representación na comisión de seguimento da EDAR creada polo concello na que tamén participan a administración autonómica e estatal. Un órgano que consideran inoperativo posto que, din, non se están a cumprir os acordos alcanzados. Así as cousas e á espera de que a Fiscalía se pronuncie ó respecto da existencia de tres posibles delitos, contra a saúde pública, o medio ambiente e a ordenación do territorio, os afectados seguirán a chamar a tódalas portas.