O BNG da Pobra volve a denunciar a tardanza na presentación dos orzamentos

    POBRA> Para os nacionalistas este é un exemplo máis da inoperancia do goberno de Nós Pobra que non é quen de facer unha proposta orzamentaria ó resto dos grupos da corporación. Van alá máis de sete meses e o executivo pobrense aínda non ten presentado ningunha proposta dos orzamentos municipais para o presente ano, traballando co documento orzamentario prorrogado do ano anterior. Para o BNG esta situación vén a demostrar unha vez máis a falla de xestión do goberno municipal, impedindo ademais o traballo fiscalizador por parte dos grupos da oposición. Dende o BNG critican ademais que esta situación está a provocar unha certa preocupación por diferentes actuacións incluídas no capítulo de investimentos e tamén polas subvencións do ano anterior que aínda non foron abonadas como as axudas ás asociacións ou ó transporte escolar.