BNG e PSOE rexeitan os orzamentos presentados polo executivo pobrés

    POBRA > A corporación municipal da Pobra celebrou un pleno extraordinario para proceder á aprobación dos orzamentos presentados polo equipo de goberno para o exercicio 2006. Os dous grupos da oposición votaron en contra do documento por considerar que se reduce enormemente a inversión real e a previsión de ingresos, especialmente no apartado dos impostos indirectos, non é realista.

    Un dos puntos máis conflitivos referiuse á previsión de ingresos polo imposto de construcións, obras e instalacións, cifrada en máis dun millón douscentos mil euros fronte á partida de catrocentos mil contemplada no anterior exercicio.

    Tanto nacionalistas coma socialistas consideran que se trata dunha estimación esaxerada e con pouco fundamento.

    Esta estimación baséase na próxima aprobación do PXOM que contribuirá a incrementala construción. Sen embargo, os nacionalistas lembran que non se sabe se o Plan Xeral obterá o visto bo da Xunta e no caso de que así sexa é arriscado aventurar que se producirá proximamente.

    A este respecto, o tenente de alcalde, Ricardo Lago, aclarou que a contía prevista non é esaxerada posto que a día de hoxe o concello xa ten recadado 180 mil euros en concepto deste imposto o que suporía un total de 600 mil euros a final de ano. O equipo de goberno considera que a aprobación do PXOM podería duplicar esa cifra e incluso superala, quedándose cortas as súas previsións.

    Non todo foron críticas por parte da oposición xa que o grupo socialista destacou de forma positiva a inclusión dunha partida importante para o pago de facturas anteriores, co obxectivo de salda-la débeda pendente doe concello cos seus proveedores.

    Pola contra, os socialistas criticaron a falla de investimentos en servizos básicos, especialmente nas redes de saneamento e abastecemento. O PSOE entende que os 187 mil euros aportados polo concello constitúen unha partida moi escasa para facer fronte ás necesidades do concello, con especial incidencia nons núcleos rurais.

    Os nacionalistas realizaron unha valoración negativa do documento orzamentario en xeral. A voceira do BNG, Rosana Pérez, criticou o retraso co que se presentan estes presupostos xa que a súa aprobación definitiva non se producirá ata aproximadamente o mes de xullo. Así mesmo, centrou o seu discurso crítico en varios puntos de especial atención como sona  diminución dos ingresos en xeral, nun 12’45%, as previsións do ‘espectacular’ incremento dos impostos indirectos e a diminución das transferencias de capital nun 48’14 por cento.

    No que respecta ós gastos, o BNG centrouse na diminución das inversións reais nun 59’65 por cento e o análise do endebedamento do concello e o recoñecemento extraxudicial de créditos.

    Redacción Barbanza