O BNG da Pobra solicita a reprobación do goberno polo incumprimento dos acordos plenarios

    POBRA> Cumpridos dous anos de lexislatura, o BNG da Pobra realiza un balance moi crítico do goberno municipal polo que levarán a pleno a súa reprobación. Fronte á inacción do goberno, contrapoñen o labor realizado polos nacionalistas dende a oposición con máis de sesenta mocións presentadas Nesta primeira metade de lexislatura, o BNG leva presentadas ó redor de sesenta mocións encamiñadas á creación de emprego, o benestar social ou a protección do medio ambiente. Tamén no eido cultural teñen impulsado numerosas iniciativas, coa defensa do galego como eixo común, así como na promoción da participación cidadá na política municipal. Critican que o goberno municipal non leve a bo porto o traballo desenvolvido polos nacionalistas posto que non se executan sequera as mocións aprobadas en pleno. Por todas estas razóns, o BNG levará unha moción ó pleno da próxima semana solicitando a reprobación do equipo de goberno e o cumprimento dos acordos plenarios.