RIANXO> O BNG levará ó Parlamento a solicitude dunha liña de transporte público que conecte o Barbanza coa estación de tren de Catoira. Faise eco así da campaña desenvolvida por Galiza Nova na que recolleron máis de dúas mil sinaturas respaldando esta solicitude.
Durante o mes de agosto, Galiza Nova desenvolveu unha campaña na comarca do Barbanza para conseguir unha liña de autobuses que conecte os concellos de Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo coa estación de tren de Catoira.
En principio, propoñen que a liña funcione os venres e os domingos para facilitar o traslado dos estudantes que se desprazan en tren ós seus lugares de estudo.
O BNG recolleu as demandas de Galiza Nova, apoiadas por máis de dúas mil sinaturas, e solicitará no Parlamento a inclusión desta liña no novo concurso de transporte público.
Ademais demandarán en sede parlamentaria información sobre o estado en que se atopa o novo concurso para o servizo de transporte público anunciado pola Xunta .