A Deputación da Coruña será a primeira en xestionar directamente os parques de bombeiros

    BARBANZA> A Deputación da Coruña será a primeira en implantar a xestión directa dos parques de bombeiros. Así o anunciou o presidente provincial, Valentín González Formoso, trala reunión mantida co seu homólogo en Lugo, Darío Campos, o deputado na Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. O obxectivo desta decisión, que levarán a cabo as tres Deputacións de forma progresiva, é mellorar a xestión dos consorcios provinciais contraincedios a través da súa recuperación para o ámbito público e evitando a intervención de empresas privadas. Os informes elaborados polos técnicos conclúen a viabilidade económica, xurídica e técnica da xestión pública dos servizos de emerxencias polo que o proceso xa está en marcha. O próximo paso será a convocatoria dun pleno extraordinario para a constitución dunha comisión de seguimento que será a encargada de trasladar as súas conclusións ó Ministerio de Facenda, responsable de autorizar o cambio de xestión. O presidente da Deputación coruñesa apuntou ademais que esta modificación suporá unha notable mellora nas condicións de traballo dos profesionais.