O BNG de Boiro denuncia a deficiente limpeza viaria

    O BNG de Boiro demanda a mellora do servizo de limpeza viaria. Denuncian que tralas festas non se realizaron as tarefas de hixiene necesarias polo que as rúas presentan lixo e, nalgúns treitos, malos olores. Transcorridas xa varias semanas dende o remate das festas de verán de Boiro, o BNG bota en falla unha limpeza integral nas rúas do casco urbano. Denuncia a acumulación de lixo en varias zonas así como malos olores. Propoñen que se destine parte do remanente de tesourería a sufragar os custos extra de limpeza derivados das festas xa que neste exercicio as arcas municipais presentan un excedente de máis dun millón de euros. A través dunha moción demandarán a limpeza periódica das rúas con produtos sanitarios así como a instalación de baños públicos naqueles eventos ou festas que se celebren ó aire libre.