![]()
RIBEIRA > Veciños dos lugares de Gude e Vilar nas parroquias de Artes e Carreira reclaman no concello…
… que se lles habilite unha liña de transporte urbano. A maioría deles síntense discriminados en relación cos residentes noutras parroquias do concello. Dende hai tempo veñen reclamándolle ó concello a dotación dunha liña de transporte público que veña a cubri-las súas necesidades. Síntense tan ribeireses coma outros veciños doutras parroquias, pagan os seus impostos do mesmo xeito, pero á hora de disfrutar de moitos servizos non son satisfeitos polo concello. Por esta razón unha representación de residentes dos lugares de Gude e Vilar desprazáronse ata o concello para facer entrega dunhas 400 sinaturas reclamando que se lles habilite unha liña de transporte urbano. Os veciños destas zonas quéixanse das incomodidades que deben padecer a cotío pola falla de servizo de transporte.
Oídos sordos
Acompañando os veciños atopábanse tamén representantes do BNG nesta localidade que veñen denunciando esta situación dende hai tempo, tanto pola escaseza de liñas polas distintas parroquias no concello como tamén pola precariedade dos vehículos que emprega a empresa concesionaria do servizo. Segundo Dominga Brión Sanmiguel a posta en marcha desta liña posibilitaría tamén na época estival os desprazamentos ata o areal do Vilar ou mesmo o Parque Natural. O BNG ribeirés ten previsto presentar unha iniciativa no vindeiro pleno referida a este problema dos veciños de Gude e Vilar.
Dende o executivo local sinalouse a este respecto que é receptivo a tódalas propostas dos veciños polo que ten previsto estudar esta solicitude. O alcalde xa enviou unn escrito á Xunta para demandar que o autobus que recolle ós alumnos do IES Coroso en Artes faga tamén o percorrido por toda a parroquia e non se limite a unha soa parada, un itinerario que xa vén realizando o autobus escolar dos alumnos do centro de educación infantil e primaria de Artes.
Redacción Barbanza











