A Garda Civil investiga as causas da morte dunha veciña de Triñáns

    BOIRO> Xa hai un detido como presunto autor do crime e todo apunta a un posible axuste de contas. A tranquilidade habitual de Triñáns, unha aldea da parroquia boirense de Abanqueiro, veuse esta mañá alterada, nada máis coñecerse a nova da tráxica morte de Carmen Dieste, coñecida no lugar como Carmucha, de 66 anos de idade. O seu corpo foi atopado no interior da súa casa, ó parecer con varias coiteladas. Foi o propio presunto autor do crime, un veciño da localidade, con iniciais S.V.P. de 38 anos o que alertou ó 112 do acontecido. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Garda Civil que localizaron no exterior da casa a este individuo, que portaba unha mochila. No rexistro da bolsa os axentes atoparon unha camisa chea de sangue e un coitelo, polo que procederon á súa detención. Fontes do propio Instituto Armado descartaron que se tratase dun crime pasional. Todo apunta a un posible axuste de contas como causa máis probable da morte.