O pleno de Rianxo da luz verde á Area de Rehabilitación Integral

    aririanxo_100_051108.jpgRIANXO > A corporación municipal aprobou inicialmente a ordenanza para a posta en marcha da ARI nos lugares de Fincheira, Rianxo e Rianxiño.

    {flowplayer}barbanza/aririanxo.flv{/flowplayer}

    A partir do próximo ano, Rianxo iniciará a rehabilitación dalgunhas das súas edificacións máis tradicionias ubicadas nas áreas de Rianxiño, Rianxo e Fincheira. Os edís que integran a corporación municipal deron onte o visto bo á ordenanza sobre a Área de Rehabilitación Integral que permitirá ós propietarios das vivendas acceder a subvencións para o arranxo e recuperación das edificacións de acordo co seu aspecto orixinal.

    Servizo de asesoramento

    A primeira fase está dotada con máis dun millón setecentos mil euros para as axudas, que serán compatibles con outro tipo de subvencións. Ademais crearase unha oficina técnica de asesoramento para guiar ós veciños no proceso.

    Tódolos grupos amosaron o seu apoio á recuperación dos núcleos tradicionais aínda que o Partido Popular decidiu absterse da votación, por non ter claros os criterios para a concesión das subvencións.

    Suxerencias

    Pola súa banda, dende o BNG realizaron unha serie de suxerencias a incluir na ordenanza como a aplicación dos principios de transparencia e publicidade na creación da oficina de rehabilitación, o seguemento do traballo deste órgano por parte dos grupos políticos e a preferencia das actuacións encamiñadas a axeitar espazos para persoas con mobilidade reducida á hora de outorga-las axudas.

    Agora, unha vez aprobada inicialmente a ordenanza, deberá ser a comisión de urbanismo a encargada de estudar e valorar estas novas suxerencias.

    Centro de día

    Durante a sesión plenaria tamén se acordou a cesión de terreos ó Consorcio Galego de Igualdade e Benestar Social, xestionado pola Vicepresidencia da Xunta, para a creación dun centro de día. Tódolos grupos votaron a favor da proposta que permitirá mellora-la calidade de vida da poboación da terceira idade.

    A aprobación da cesión de terreos permitirá axilizar os trámites para a construción do novo centro de día e miniresidencia que o executivo ten proxectado nunha parcela de Rianxo.

    Vivendas sociais

    Alí tamén se ubicarán as novas vivendas de promoción pública, aínda que o proxecto se atopa paralizado á espera de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo remita o anteproxecto para poder realizar o estudo de detalle e destinar a parcela necesaria para cada unha das actuacións.

    Tanto BNG como PP decidiron respaldar a proposta co fin de contar canto antes cun servizo prioritario no concello. Durante o pleno, abordáronse tamén outras cuestións como aprobación de taxas ou a modificación do alumeado do campo de fútbol de Taragoña.

    Redacción Barbanza