Poio acumula case 100 toneladas de lixo no seu terceiro día de folga

    POIO > Colectores cheos e bolsas acumuladas no chan repítense dende o sábado no concello de Poio, onde os traballadores da recollida do servizo do lixo cumpren …

    … hoxe o seu terceiro día de folga. O aumento do seu salario, agora duns 600 euros mensuais, é a súa principal reclamación neste paro á empresa Cespa, concesionaria do servizo na localidade. Cerca de 100 toneladas de lixo se amorean agora nas rúas, e os lugares máis afectados son os situados dentro dos núcleos de poboación máis importantes da localidade, Raxó, Combarro e a Caeira.

    Os centros sanitarios, o xeriátrico e a gardería son os únicos lugares onde se realizan os servizos mínimos. Non son todos os que pedira o Concello, que lle vai solicitar á Consellería de Traballo que medie para que se poidan levar cabo. O executivo local de Poio tamén vai intentar que o conflito entre os traballadores e a empresa chegue a un acordo, e está disposto a incrementar, en ata uns 20.000 euros anuais, o contrato que ten con Cespa, vixente ata o 2011.

    A folga vai seguir convocada en Poio, malia que os 12 traballadores do servizo xa lle confirmaron á Asociación Galega de Arbitraxe da Xunta que están dispostos a negociar coa empresa, coa axuda da súa mediación. Unha arbitraxe que xa resultou clave na resolución do conflito cos traballadores de Pontevedra, que non chegaron a iniciar o paro.

    Redacción Salnés