Atopan restos dun ritual de santería na Curota

    POBRA> Tres polos mortos, medio coco, flores e unha botella de licor. Esta sinistra estampa foi a que atoparon uns veciños da Pobra que este domingo paseaban pola Curota. Restos dun suposto ritual que podería ter como obxecto final a purificación. Máis que sorprendidos quedaron os camiñantes que se atoparon con restos dun suposto ritual de purificación na Curota. Tres polos mortos rodeados de flores, unha botella de augardente e un coco partido en dous xunto a varias inscricións nunha pedra. Para os non entendidos na materia, este conxunto pode resultar inquietante. Sen embargo, para os afeccionados ó esoterismo o significado está máis claro. Todo apunta a que se tratou dun ritual de purificación. A elección do monte da Curota non é casual. A pureza das enerxías nesta zona convértea no lugar ideal para este tipo de cerimonias. Non é a primeira vez que aparecen restos similares. Hai varios anos a zona do miradoiro foi obxecto de pintadas. Daquela os restos aparecidos na zona semellaban estar relacionadas con algún tipo de rito satánico. Sen embargo, a policía descartou a realización deste tipo de prácticas concluíndo que se tratou de actos vandálicos.