Prisión provisional e sen fianza para o presunto autor do crime de Carmucha Dieste

    RIBEIRA> Está acusado dun delito de homicidio ou asasinato. Transcorridas apenas 48 horas dende a súa detención, Samuel V.P., de 38 anos e veciño de Boiro, pasaba esta mañá, ó redor das once e cuarto a disposición xudicial no Xulgado Número 2 de Ribeira. Entraba pola cocheira dentro dun vehículo policial. Para el a xuíza que leva o caso decretou o seu ingreso en prisión provisional e sen fianza por un delito de homicidio ou asasinato. O seu arresto producíase xa na madrugada do pasado luns, na propia vivenda da vítima en Triñáns. No interior da mochila que levaba, os axentes atoparon unha camiseta chea de sangue e un coitelo, co que ó parecer atacou á sesaxenaria. Fontes do propio Instituto Armado informaron de que se trata dun vello coñecido das forzas da orde fundamentalmente por tráfico e consumo de estupefacientes, así como tamén pola súa actividade coma furtivo.