Preocupación no Barbanza ante a presenza de carabelas portuguesas nas súas praias

PORTO DO SON> A presenza de carabelas portuguesas é cada vez máis frecuente nas nosas costas. Esta mesma semana, a aparición de varios exemplares obrigou a pechar ó baño a praia das Furnas en Porto do Son despois de que unha nena de sete anos tivera que ser trasladada ó hospital trala picadura dun exemplar.

A bandeira amarela que estes días ondea na praia sonense das Furnas non ten que ver coa forte ondada nin coas condicións do mar. Débese á presenza de carabelas portuguesas que ó longo desta semana recalaron neste areal chegando a picar a unha nena de sete anos que tivo que ser trasladada ó hospital.

Non se trata de medusas senón de colonias de organismos mariños que adoitan buscar augas máis cálidas pero que nos últimos anos están a ser máis frecuentes nas costas galegas.

A súa picadura, moi dolorosa, pode ter efectos graves chegado mesmo a ser potencialmente mortal. Ante un contacto con estes animais é importante acudir ó posto de socorrismo para practicar os primeiros auxilios e aliviar a dor antes do traslado a un centro médico.

No caso de atoparse cun exemplar é obrigatorio comunicarllo ó servizo de socorrismo para proceder á súa retirada e decretar a prohibición do baño na zona.