Presentada a segunda edición da Carreira-Andaina Nocturna Solidaria ‘Castelo da Lúa’

    RIANXO> A proba, que terá lugar o sábado 12 de agosto, volverá a ter un carácter solidario, xa que todo o recadado irá destinado a asociación de persoas con diversidade funcional Ambar. Por segundo ano consecutivo Rianxo celebrará a Carreira-Andaina Nocturna Solidaria ‘Castelo da Lúa’. Será o próximo sábado 12 de agosto, a partir das nove e media da noite, con saída dende a propia praza do Concello. A actividade está organizada pola Sociedade Barbantia Roda en colaboración co Club Atletismo Rianxo e o propio Concello. Tanto a carreira coma a andaina terán un carácter popular, con perfís e distancias accesibles a calquera tipo de persoas. O que se pretende dende a organización é acadar unha alta participación na proba e que sexa un gran festa do deporte. A proba volverá ater un carácter solidario. Todo o recadado irá a parar á asociación de persoas con diversidade funcional Ambar. Un xesto que agradecen dende a entidade. Dende o Concello fan unha chamada á participación, pois a ocasión ben o merece. Ademais da propia participación na carreira ou na andaina, tamén se pode colaborar coa iniciativa a través do Dorsal 0, facendo unha doazón polo importe desexado. As inscrición poden realizarse en liña ata o vindeiro xoves 10 de agosto na páxina web de EME Sports ou de xeito presencial na Praza Castelao ata 15 minutos antes do inicio da proba.