Galicia presume de calidade ambiental e excelencia turística

    RIBEIRA> O Club Náutico de Ribeira acolleu o acto de entrega das cento oitenta e tres bandeiras azuis con que conta Galicia este ano. Sanxenxo volve liderar o ránking na obtención de distintivos en toda España. Suma doce bandeiras para as súas praias, dous para os seus portos deportivos e un centro azul, o das Telleiras. Galicia volveu facer gala do seu compromiso medioambiental no acto de entrega das bandeiras azuis 2015 que este ano tivo lugar en Ribeira. No marco incomparable do club náutico da localidade, no que tamén ondea un dos distintivos, os alcaldes e representantes de tódolos concellos recoñecidos recolleron os seus distintivos. Nada máis e nada menos que cento oitenta e tres bandeiras azuis entre praias, portos, sendeiros e centros azuis. Ademais de liderar o ránking en bandeiras azuis, Galicia é a segunda comunidade en bandeiras Q de Calidade que recoñecen a excelencia da súa oferta turísitica. O presidente da Adeac, axencia encargada de conceder os distintivos, gabou o esforzo realizado por Galicia que tras ter vivido unha catástrofe como a do Prestige soubo recuperarse incementando aínda máis a conciencia medioambiental de tódolos galegos. Ribeira, concello anfitrión, recolleu tamén os distintivos que ondearán nas praias do Vilar, Coroso e Riazor, o club náutico e o centro de interpretación do parque periurbano de San Roque. Precisamente, as melloras do saneamento que se están a acometer na beira atlántica motivaron que o concello non solicitara este ano bandeiras azuis para os areais desta zona que habitualmente integran as praias con distinción de calidade.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí