A rehabilitación da Chaínza seguirá adiante sen o obradoiro de emprego

    NOIA> A pesar de que Noia non conseguiu o obradoiro de emprego para a rehabilitación da Chaínza, o concello investirá fondos propios en varias actuacións de mellora na edificación. A intención do executivo é volver a concorrer á convocatoria da Xunta de Galicia o próximo ano. Non puido ser. Noia e Lousame non acadaron este ano a puntuación suficiente para contar novamente cun obradoiro de emprego conxunto financiado pola Xunta. Unha das actuacións previstas no marco desta iniciativa formativa era a rehabilitación da Chaínza. Actuación que o concello ten intención de realizar igualmente polo que vai investir fondos propios ou procedentes doutras administracións na consolidación dos muros da edificación. Ó tempo que se executan estas melloras, o executivo traballará na mellora do proxecto para volver a solicitar un obradoiro de emprego de cara á vindeira convocatoria.