Muros oferta dous novos cursos de lingua de signos

MUROS> O concello de Muros segue a apostar pola accesibilidade. Nos próximos meses ofertará dous novos cursos de lingua de signos: un de iniciación e outro de perfeccionamento. Hai unhas semanas finalizaba en muros un curso de linguaxe de signos no nivel B1. Co obxectivo de que os doce alumnos participantes poidan perfeccionar a súa formación, o concello ofertará novas prazas para o nivel B2. Paralelamente, aqueles que queiran iniciarse na materia poderán inscribirse no curso de iniciación. Ademais de favorecer as posibilidades de comunicación das persoas con dificultades auditivas, estas actividades formativas pretenden ampliar as posibilidades de acceder a un posto de traballo dos alumnos. Os interesados en participar poden dirixirse ó Servizo de Normalización Lingüística da Casa da cultura. En función dos inscritos e das preferencias horarias se establecerán os grupos e os horarios.